22/4/17

Os libros da Terra

Por se non o sabes, o 22 de abril é o Día da Terra… Como se di na Wikipedia, trátase dun día para render homenaxe ao noso planeta e recoñecer á Terra como o noso fogar e a nosa nai. E o 23 de abril celébrase o Día Internacional do Libro. A unión dos libros e a Terra sempre resulta interesante, así que aquí tes 3 suxerencias. Aínda que non son libros recentes, están de actualidade pois o noso planeta cada día parece máis en perigo:

19/4/17

Clash Royale e Scratch

Nesta entrada aparece outra publicación de Pequenos xornalistas. Esta vez foron Mateo, Asier e Luis os que se decidiron a participar de maneira voluntaria. Por iso preparon un texto sobre un xogo que aprecian moito: Clash Royale. Se premes aquí, poderás ler o seu interesante traballo.

Ademais, como xa temos a diversos investigadores no sitio de Scratch, tamén presentamos os seus nomes para que vexas os proxectos nos que están a experimentar. Son os seguintes:

  • Luis, como luigiman11.
  • Uxía, como churrasco21.
  • Tomás, como tomasmir10.
  • Elías, como Eliland.

[Mateo, Asier, Luis]

6/4/17

Le e xoga con Gianni Rodari

O libro Contos para xogar foi escrito por Gianni Rodari. Está formado por 20 historias breves, pero cada unha ten tres finais, a escoller por cada lector ou lectora.

Nesta actividade deberás elixir e ler unha das historias dese libro, e logo seleccionar o final que máis che guste. Despois farás a túa propia cartografía para comprender ben esa historia. Lembra que a lectura é a nosa maneira de loitar contra Fahrenheit, o monstro devorador de libros e lectores.

Así que sen máis que dicir, aquí está o libro enteiro:

P.D.: Se che gusta a lectura dixital, tes que sabes que esta versión de Contos para xogar pertence ao sitio Libros del Rincón. Hai moitos máis libros para investigar…

3/4/17

Poesía na primavera

A primavera serviu sempre de inspiración para a poesía, como podes comprobar nestes fermosos haikus. Así que deberás ir ao enlace da nosa gramática poética para lembrar os diversos tipos de estrofas e poemas. Usa as túas propias ideas, por exemplo as palabras para Aurora, e constrúe os mellores versos para esta estación do ano. Se che resulta difícil ou as ideas non veñen, busca outro tema para as túas estrofas.

O espazo exterior, o Universo, está aí fóra. É inmenso, tan grande que non é doado de explicar. Hai estrelas, hai planetas e moitos obxectos astronómicos diferentes. Un fotógrafo, con centos de imaxes de Marte, elaborou un pequeno vídeo como se viaxara ata alí nunha nave espacial. Agora iso é imposible para os humanos, e non sabemos cando poderemos viaxar a ese planeta. Pero o seu vídeo semella unha poesía fotográfica. Talvez che sirva de inspiración para esta actividade…

31/3/17

A despedida

Este venres foi moi especial. Aurora Fernández, a nosa profesora de Música, xubilouse despois de moitos anos de traballo. Ademais, na nosa aula tamén impartía as Ciencias Sociais e os Valores; así que imaxinaba, aprendía, xogaba e vivía moitas horas ao noso lado.

Sabemos que o luns, cando regresemos ao colexio, será un día diferente. Pero coas letras do seu nome poderemos formar palabras. Con esas palabras organizaremos marabillosas frases. E con esas frases construíremos unha parte dos nosos soños, como ela sempre ensinou.

Grazas, mestra, por todo este tempo de alegría…

29/3/17

Luis aprende en Scratch

Scratch é un sitio para que os nenos aprendan a programar no mundo da informática. Por iso resulta unha aplicación moi interesante, xa que ademas é gratis. Os seus creadores están nun dos máis importantes laboratorios tecnolóxicos do mundo.

Na nosa aula hai xente que xa está rexistrada en Scratch, e programan e resolven traballos informáticos. Un deles é Luis, que sempre que pode mostra algún dos seus proxectos para que aprendamos. Por exemplo…

27/3/17

Máis de 23.000 comentarios

Este blog de aula, nas súas distintas versións, está presente en Internet desde o ano 2008, hai xa moito tempo. Pasaron ministros, conselleiros e algunhas leis educativas, do que parece que non queda moito, pero os alumnos e as alumnas que aquí xogaron e imaxinaron aínda seguen entre nós:

  • no traballo escolar desenvolvido nos cinco blogs de Ismaíl;
  • en todas as historias que contaron meses blogs, e que tamén residen no sitio O dragón e o caldeiro máxico;
  • nos máis de 23.000 comentarios que deixaron mentres viviron no CEIP Isaac Díaz Pardo, o seu colexio.

Hoxe, nós acabamos de chegar aos 3.000 comentarios, que son moitísimos e ben o sabemos. Estamos felices e contentos por todo: polo esforzo e a participación dos nenos, pola colaboración das familias, por Ismaíl. Agora que moitos expertos falan da importancia das emocións na educación, el coñece iso desde hai anos, cando o descubriu en Malpica de Bergantiños, xunto ao mar de fóra...

23/3/17

Contomundi, 5ª etapa

Nesta etapa do proxecto De Contomundi a Saidabad chegamos ao continente africano. Para os antigos exploradores, África foi sempre unha terra imaxinaria, onde había moitos misterios e lugares incribles.

Aproveitaremos o traballo doutros amigos, no blog Escola de Ismaíl 3, porque ademais agora están aquí algunhas das súas irmás, Carla e Lucía. Igual que fixeron antes, empezamos polos montes de Marrocos coa historia A cidade paraíso

Despois, descubre máis historias de África no mapa da Segunda volta ao mundo en 80 contos, que xa coñeces. Busca unha que che interese moito e avísanos, tamén queremos saber.

Preme aquí para ver o mapa máis grande.

22/3/17

Álex e a ciencia

Santiago Ramón y Cajal é un dos dous científicos españois que recibiron o Premio Nobel. Non son moitos, claro, e iso explica a pouca atención que a ciencia sempre tivo aquí, en España. Por iso, esta investigación de Álex foi unha boa idea, pois o coñecemento científico é moi importante…

17/3/17

As voces novas da poesía

Cando falamos do poema de Antón Cortizas titulado Romance do capitán, aquel post quedou algo incompleto. A pesar do fermoso debuxo que fixera Diego, coa Lúa sobre o mar, faltaban os versos da poesía.

Por sorte, agora podemos escoitar esas palabras nas voces de Álex, Luis, Ana, Mateo, Estela e o mesmo Diego. Os versos levan unha música de fondo para que o seu ritmo pareza máis moderno. Ou talvez será que forman un novo grupo musical? Quen sabe…

Preme aquí para escoitar Romance do capitán.

15/3/17

A vida na aula

Asier enviou por correo electrónico unha bonita presentación sobre os seres vivos, que poderás ver se premes aquí. A idea seguro que ten que ver co libro de Ciencias Naturais, pois é algo que estamos a aprender neste momento.

Ademais, no mundo dos contos de Contomundi apareceron dúas historias novas, de Nova Zelanda e de Australia. E Fahrenheit, o monstro que atrapa lectores despistados, reclamou que Luis, Andrea Vázquez, Carla e Candela leran ben certo conto que explica como xurdiron as árbores. No seguinte vídeo está a proba dese reto: ler fronte a unha cámara para o mundo enteiro.

Entrementres, a vida na nosa aula segue adiante e o inverno xa está a piques de rematar…

12/3/17

Aula investigadora 6

Un novo resumo de nosa aula investigadora, que xa vai polo número seis. Nesta ocasión os exploradores foron: Diego (1), Estela (3), Nerea (2), Antía (5), Uxía (8), Tomás (3), Ana (3), Andrea Valeiro (1), Andrea Vázquez (3), Asier (1), Carmen (5), Lucía (1), Erika (2), Álex (6), Lucas (1), Unai (3), Candela (5), Saúl (1).

As investigacións, como outras veces, buscaron temas diversos: o Día da Paz, o embarazo, o lince ibérico, The Beatles, Gloria Fuertes, a quinoa, Thomas Alva Edison, Isaac Díaz Pardo, Ramiro Fonte, Amelia Earhart, os mamíferos, o día da Candelaria, o síndrome de Dióxenes, Pablo Ráez, os planetas de Trappist-1, o dragón de Komodo, o monte Cervino, a elaboración do pan, Romeo e Julieta…

Preme aquí para ver unha presentación de Tomás sobre as enfermidades raras.

8/3/17

Polo mundo adiante

Agora estamos en Contomundi, no mundo dos contos: en Galicia e España, en Canadá, no Brasil, en Nova Zelanda, en Australia. Acompañamos a Ismaíl polo mundo adiante na busca de Saidabad, a súa aldea. Por iso investigamos tanto; e como dixemos ao principio deste blog, imaxinamos, aprendemos, xogamos e vivimos.

Boa viaxe, Ismaíl, sempre estarás connosco…

6/3/17

Como xurdiron as árbores

Unha antiga historia de Nova Zelanda di así:

Ao principio, o Pai Ceo e a Nai Terra estaban preto, moi preto o un da outra, abrazados con gran, gran forza. Estaban tan preto e tan fortemente abrazados que os seus fillos, que vivían entre ambos, apenas podían respirar. Desesperados, estes retorcéronse, empuxaron, presionaron e loitaron ata que conseguiron que o ceo se despegase da terra e afastásese, elevándose cara ao alto, arriba, moi arriba.

Desde alí, o ceo mirou cara abaixo e viu á súa esposa, a terra, libre, fermosa, marrón e suave… pero tan baleira e soa que sentiu avergoñado por deixala atrás, totalmente espida.

De modo que lle confeccionou uns adornos mesturando luz e po, enrolounos para crear troncos e ramas e os curvounos para dar lugar a follas e flores. Combinou o marrón co vermello e o gris co verde; algunhas das súas creacións volvíanse rosas ao florecer, outras eran prateadas e tiñan forma de estrela, e outras posuían froitos dun negro azulado ou dourados. Distribuíu aquelas exquisitas xoias por toda a superficie da terra.

O ceo sentiu feliz e orgulloso ao mirar cara abaixo.

A terra sentiu feliz e orgullosa das súas xoias.

Os adornos sentíronse orgullosos e felices de decorar o chan. Afundiron os seus troncos na terra e elevaron as súas ramas cara ao ceo. E así, ergueitos, permaneceron ata os nosos días.

E foi así, segundo contan, como xurdiron as árbores.


3/3/17

Contomundi, 4ª etapa

Unha vez máis, o noso dado da sorte vai levándonos polos contos e o mundo. Esta vez debemos chegar ata as illas de Oceanía, que están bañadas polo máis grande dos océanos, o Pacífico. É tan inmenso que seguramente precisaremos algo de tempo para atravesalo. Así que empezamos outra aventura en Internet e novas lecturas:

22/2/17

O romance do capitán Diego

O poema O romance do capitán, de Antón Cortizas, foi aprendido e recitado na clase, porque a gramática tamén é poesía. Agora que xa escribimos pareados e tercetos, cuartetos e cuartetas, haikus e acrósticos, é un bo momento para lembrar aquela poesía. Diego fixo un debuxo moi fermoso con eses versos, e por iso terá que explicar na clase o que quixo contar…

16/2/17

Os versos do noso mundo

A nosa Aula de poesía non para, porque os versos nacen para encher o mundo de palabras sentidas. Empezamos con pareados e tercetos, con cuartetos e cuartetas, con haikus. E agora queremos aprender cos acrósticos e as coplas.

Debes premer neses enlaces para xogar coa linguaxe poética e crear os teus versos e poemas. Para facer os acrósticos, utiliza estes recursos:

  1. Que é un acróstico?
  2. Exemplos de acrósticos.

Por último, non esquezas nunca que unha boa Gramática da poesía ten que usar sempre as mellores ideas. Así fixemos, por exemplo, para imaxinar e construír algúns fermosos haikus. Preme aquí para velos

14/2/17

O noso colexio

Un novo traballo do proxecto Pequenos xornalistas, que esta vez trata algúns asuntos do noso colexio, o CEIP Isaac Díaz Pardo. Este traballo consta de tres partes:

[Autoras: Uxía, Estela, Candela, Lucía]

6/2/17

Mannequin Challenge Roald Dahl

Un día chegou Unai e dixo que podiamos facer o reto do Mannequin Challenge, que xa empezaba a ter fama. Pareceume unha boa idea, sobre todo se ese reto estaba no noso proxecto de lectura ao redor de Roald Dahl. Así que agardamos un pouco, ata que rematase o centenario do nacemento do autor, e por fin levámolo a cabo.

Son tan bos actores, que non fixeron ningunha proba antes. Realizamos unha única gravación e aquí está o vídeo que o demostra. Por iso podemos dicir que o noso reto foi superado, despois de ler tantos libros e de marabillarnos coas historias de Roald Dahl.

3/2/17

O haiku na escola

O haiku é un pequeno poema creado pola literatura xaponesa. Está formado por tres versos: o primeiro, de cinco sílabas; o segundo, de sete; e o terceiro e último, de cinco sílabas outra vez. Así, con esa forma, cada haiku parece contar e describir con rapidez situacións, paisaxes, ou momentos da vida diaria.

Vexamos os primeiros haiku da nosa Aula de poesía

O meu gatiño
branco como a neve
é adorable.
(Carla)

Noite perfecta
co ceo estrelado,
moita beleza.
(Ana)

Números brancos,
amarelos e roxos
e pequeniños.
(Erika)

A paz e o amor
chegarán cando deixes
de pensar en ti.
(Lucía)

A miña vida
é unha fermosura,
vou pasalo ben.
(Álex)

Na miña casa
divertímonos moito
xogando todos.
(Luis)

Aquel golfiño
que surcaba as ondas
daquel mar azul.
(Uxía)

Gústame España,
que ten o mellor fútbol,
iso gústame.
(Diego)

31/1/17

Contomundi, 3ª etapa

Esta vez o noso dado da sorte quixo levarnos ao centro e ao sur de América, a Hispanoamérica. Por iso, as historias que descubriremos serán dúas: As Doncelas do Millo (México, en América Central); e O monstro silbador (Brasil, en América do Sur). Están publicados nun libro que xa coñeces: Nuestros cuentos favoritos del mundo entero.

Ademais, pouquiño a pouco haberá máis contos que poderás ler. Por exemplo, todos os que aparecen na obra Cuentos populares de Iberoamérica, da escritora Carmen Bravo-Villasante. E tamén saberás doutros en mapas como o que se presenta neste post. Preme aquí para velo máis grande.

29/1/17

Sempre Roald Dahl

Durante o pasado trimestre, os libros de Roald Dahl estiveron moi presentes na nosa aula. Celebramos así os 100 anos do nacemento do autor de Matilda, de Charlie e doutras medicinas marabillosas.

Fixemos unha listaxe de 15 títulos que podiamos conseguir e ler, con libros que se compartían libremente. Os datos rexistrados indican que logramos unhas 105 lecturas individuais, e resolven que cada neno e nena leu de media uns 4 libros desa relación. Noraboa, rapaces!

Onde queira que estea, creo que Roald Dahl botará un sorriso cómplice cando o saiba…

26/1/17

Tomás viaxa ata Canadá

No proxecto De Contomundi a Saidabad chegamos ás terras de América do Norte. Fomos ata alí coa historia A chegada de Corvo, un conto do pobo inuit que vive no país de Canadá. Por esa razón, Tomás decidiu investigar un pouco sobre esa nación e aquí está o que descubriu…

Preme para ver a presentación.

22/1/17

Contomundi, 2ª etapa

Hai moitos anos Ismaíl chegou a Galicia desde a aldea de Saidabad, no centro de Asia. Agora, despois de tanto tempo, quere regresar alí para saber o que pasou e o que queda das súas orixes. Neste camiño de volta usamos o azar e a sorte, en forma dun dado de oito caras, para avanzar. Cada vez que se tira ese dado, como mínimo temos unha historia para coñecer y un lugar ao que ir.

  1. Os dous irmáns foi a historia dos inicios do proxecto, a partir de Malpica de Bergantiños e a Costa da Morte, en Galicia, en España. De paso, tamén rematamos o cómic de Guillermo Tell, que estaba pendente desde o pasado curso. 
  2. Durante a primeira etapa, descubrimos e contamos máis contos populares galegos do libro Lenda Viva.
  3. E nesta segunda etapa, o azar enviounos ás terras de Canadá: A chegada de Corvo é un conto publicado en Nuestros cuentos favoritos del mundo entero. Trátase dun bonito e interesante libro, pois moitas historias boas están en libros fermosos.

Para rematar, un vídeo sobre a marabilla de contar historias nesta época de tecnoloxía e modernidade. Porque a pesar diso, as historias non poden desaparecer xamais…

A contar historias! on PhotoPeach

18/1/17

Un poeta dos nosos

Luis xa utilizou os recursos da Gramática da poesía, e foi de maneira voluntaria. A pesar diso, elaborou un poema ben feito e moi interesante. Aquí está…

Érase una vez en clase
un ser llamado Ismaíl,
a un cordón logró atarse
para no caer por un raíl.

Nadie sabe cómo pasó,
quizás corrió y arrasó,
o tal vez iba despistadillo
viendo el móvil de su vecinillo.

No, no se lo había robado,
solo se lo tomó prestado;
y de mascota tiene un gato
que vio en la tele un asesinato.

Un día quedó con un amigo,
fue por la calle andando,
pero se olvidó el abrigo
y acabó acatarrado cenando.

Qué lástima por no ir al cole,
con todos sus amigos riendo,
y él sentado bajo un roble,
y cofres supermágicos abriendo...

14/1/17

Gramática da poesía

Nesta gramática aprenderás cos versos e as estrofas, coas poesías e as cancións, cos abecedarios e as formas das letras. E tamén xogarás coas palabras e as súas imaxes, como os acrósticos e os caligramas. Pero a poesía necesita unha actitude diferente. Así que pecha un pouco os ollos e abre a porta da túa mente. Entra. Imaxina. Busca ideas e palabras especiais. Palabras coa súa propia forza: nomes, adxectivos, verbos…

O primeiro que tes que facer é ler e aprender, como xa estamos a realizar na clase. Aquí tes máis materiais para que entres na poesía:

10/1/17

A reprodución humana

Un tema moi importante, pois mediante a reprodución existe a vida neste mundo. E lembra que o curso segue e que aínda debes esforzarte…